fbpx

Envío gratis para encargos superiores a 50€

Unha xoia pode ser só un adorno, ou pode ser moito máis. Pode ser arte, expresar a personalidade de quen a leva, pode simbolizar un momento de felicidade, ou ser un recordo valioso de alguén querido. Por iso a ourivaría é un oficio tan antigo, porque responde a unha necesidade do ser humano.

Crecín entre ferramentas e pedras preciosas: cando saía do colexio, encantábame ir ao taller do meu pai e ver as súas mans traballar, mentres me contaba cousas sobre os metais e as xemas.

Pronto empecei a sentarme ao seu lado para facer os meus primeiros traballos, sen dúbida co mellor mestre, o que me ensinou as técnicas e segredos deste oficio milenario, pero sobre todo transmitiume a súa ética profesional e o seu amor polas cousas ben feitas que duran para sempre.

"Nunca entregues unha peza da que non esteas satisfeito, desfaina e volve empezar de cero. Esa peza sairá ao mundo, e non quererás que fale mal de tí durante anos..."

Aínda hoxe, que el xa non está, antigos clientes do meu pai dinme que conservan xoias feitas por el, e isto é algo que me emociona profundamente.

O meu pai en 1965

A pesar de que o oficio se me daba ben, o certo é que nunca pensei que acabaría sendo o meu medio de vida. Era eu un mozo demasiado inquieto, quería facer mil cosas, ver todos os países, ler todos os libros.

Non tiña paciencia para estar longas horas facendo o mesmo, interesábanme moitas cousas diferentes.

Así que, na miña mocidade, realicei distintos estudos: de fotografía, química, deseño, historia, arte…Durante anos, abandonei a ourivaría e fun aprendiz de moito, mestre de nada.

Pero un día deime conta de que todo o que aprendera podíao aplicar a este traballo, que eses coñecementos eran material e inspiración para realizar creacións de xoiería.

Da miña paixón pola historia, naceu Colección Antiques, feita con antigüidades.

Do meu interese pola arte, xurdiron xoias de deseño contemporáneo, inspiradas por exemplo, en cadros de Kandinski, en películas de Kubrick, en edificios de Norman Foster.

As cidades e as paisaxes que vin, nutríronme formas e conceptos que plasmar. Deime conta de que, tras eses anos errantes, atopara o meu camiño e a miña linguaxe.

E souben tamén que as cousas que valen a pena necesitan tempo e paciencia.

"O que fai importante ao teu rosa é o tempo que lle dedicaches"

Saint- Exupéry, O Principiño

Paula Iglesia

Tiven entón a sorte de coñecer a Paula, a que hoxe é a miña muller. Apaixonada da arte e do deseño, a súa persoal visión enriqueceu enormemente o traballo en todo o proceso creativo. Desde entón formamos un equipo onde as ideas compleméntanse e xuntos abrimos o noso propio taller e tenda en Serra de Outes no ano 2001.

Moita xente sorprendíase – e aínda o fan- de que elixísemos un pobo tan pequeno para montar unha xoiería como esta, pero tiñamos confianza no noso traballo e gustábanos vivir neste precioso lugar, entre o mar e as montañas.

Ademais, dalgunha maneira intuíamos que o mundo ía cambiar, que ía deixar de haber distancias, que poderiamos chegar a xente doutras partes se faciamos algo que fose interesante e dabamos un trato exquisito á nosa clientela.

Contorna de Serra de Outes

O tempo deunos a razón: ademais dos nosos veciños, en poucos anos empezaron a vir clientes desde puntos máis afastados sen importarlles desprazarse, porque lles gustaba o noso traballo.

Logo chegou internet, que nos permitiu chegar ao resto do país e a todo o planeta: hoxe en día as nosas xoias véndense en liña a toda España, e tamén a Nova Zelandia, Estados Unidos, Alemaña, etc.

Agora, tras moitos anos de experiencia na atención online, estamos moi orgullosos de dar un servizo do máis alto nivel, aínda que o cliente estea por centos de quilómetros e nunca defraudar a súa confianza.

Así fomos crecendo, aos poucos. Nos últimos anos están a pasarnos cousas moi bonitas: ver a celebrities coas nosas xoias, expoñer en museos nacionais, algúns premios…Pero o máis bonito é sen dúbida que, no día a día, as persoas elíxannos para expresar os seus mellores sentimentos a través das nosas creacións.

Cremos firmemente que a artesanía é cultura, que o verdadeiro luxo non está no prezo dunha peza senón no feito de sexa algo único, nun mundo onde todo fabrícase en serie. Cremos no singular, o diferente, na xoia realizada a man, con mimo, tempo, agarimo e cos materiais da maior calidade, para que así dure para sempre.

Fernando Gallego

Visita as seguintes seccións se queres saber quen son os famosos que levan as nosas xoias, os premios e galardóns que recibimos, e coñecer máis sobre a nosa traxectoria. Na sección de Opinións, poderás ver o que din de nós os nosos clientes

Rexístrate aquí