A pesar de que o oficio se me daba ben, o certo é que nunca pensei que acabaría sendo o meu medio de vida. Era eu un mozo demasiado inquieto, quería facer mil cosas, ver todos os países, ler todos os libros.
Non tiña paciencia para estar longas horas facendo o mesmo, interesábanme moitas cousas diferentes.
Así que, na miña mocidade, realicei distintos estudos: de fotografía, química, deseño, historia, arte…Durante anos, abandonei a ourivaría e fun aprendiz de moito, mestre de nada.
Pero un día deime conta de que todo o que aprendera podíao aplicar a este traballo, que eses coñecementos eran material e inspiración para realizar creacións de xoiería.
Da miña paixón pola historia, naceu Colección Antiques, feita con antigüidades.
Do meu interese pola arte, xurdiron xoias de deseño contemporáneo, inspiradas por exemplo, en cadros de Kandinski, en películas de Kubrick, en edificios de Norman Foster.
As cidades e as paisaxes que vin, nutríronme formas e conceptos que plasmar. Deime conta de que, tras eses anos errantes, atopara o meu camiño e a miña linguaxe.
E souben tamén que as cousas que valen a pena necesitan tempo e paciencia.